Estás enA Comunicación e o Ben Público

A Comunicación e o Ben Público


9, 10 e 11 de Novembro do 2009

Nas sociedades nacionais occidentais pode observarse a condensación e multiplicación no volume da comunicación política. Ó mesmo tempo, as esferas políticas están inundadas pola comunicación de masas, que poucas veces se caracteriza polos formas definitorias de deliberación.

A inflación no volume das mensaxes, as ideas e as imaxes en circulación produce a impresión de que a política hoxe está cada vez máis inmersa nos procesos de comunicación de masas e que, con efecto, é absorbida e transformada pola comunicación de masas.

A crecente concentración e conglomeración da propiedade nos sectores de medios das sociedades máis industrializadas, cada vez máis xustificados por funcionarios estatais e portavoces corporativos en nome da “competitividade global”, está repolitizando a esfera pública de maneiras que van en detrimento da supervisivión e responsabilidade pública.

Aínda que hoxe poidamos apuntar ás novas oportunidades de acceso á comunicación pública, que ofrecen un conxunto de institucións e técnicas novas (dende a televisión comunitaria a internet), é evidente que as diferencias sociais entre os que teñen “poder informativo” e os que non o teñen está a medrar. Amais, o que se ten por “debate racional” na era da “xestión da opinión pública” é unha cuestión de disputa continua entre discursos desiguais sobre a cidadanía, dos que só algúns ven as súas definicións avaladas e autorizadas polos medios de comunicación.

Os medios de masas están a facer que a esfera pública se convirta nun escenario infiltrado polo poder no que, por medio da selección de tópicos e de contribucións tópicas, líbrase unha batalla non só pola influenza, senón polo control dos fluxos de comunicación que afectan ó comportamento, á vez que as intencións estratéxias se ocultan todo o posible.

Queremos ocuparnos desas “intencións estratéxicas” precisamente na medida en que tentan definir os contornos da “opinión pública” dentro dos límites do xornalismo obxectivo e imparcial. Queremos preguntármonos que debe ser a escritura “profesional” de noticias na altura de hoxe e, cousa máis importante, como debe cambiar para responder ó ideario da cidadanía nunha esfera pública propia dunha democracia deliberativa.

Os oíntes e espectadores dos medios públicos non son só consumidores, quere dicir, participantes no mercado, senón tamén cidadáns con dereito a participar na cultura, a observar os acontecementos políticos e a tomar parte na formación política da opinión. Sobre a base desta pretensión xurídica, os programas que lle aseguran a poboación o correspondente subministro básico non poden depender da sua eficacia publicitaria, nin do apoio da publicidade.

No discurso inaugural do Congreso Mundial da International Communication Asociation, celebrado en Dresde en xuño do 2006, Jürgen Habermas dixo que en Estados Unidos algúns estudos de medios confirmaban o que se chama “video-malestar” (ou “video malaise”). Enténdese por video-malestar que os cidadáns que usan con máis frecuencia os medios electrónicos, e que os consideran tamén unha fonte de información importante, teñen un nivel de confianza máis baixo na política e son máis propensos a tomar unha actitude cínica perante os asuntos públicos. Na medida en que os programas de radio e televisión chegan mesmo a intensifica-los sentimentos de impotencia, apatía e indiferencia perante a política, temos que procura-las causas nos contidos e nos formatos da comunicación política e non na suposta paralise da sociedade civil.

O modo de presentación e a clase de contidos de moitos medios de comunicación de masas contribúen a que os cidadáns se distancien da política, quere dicir, a que se propaguen os estados de ánimo privatistas e apolíticos. O cambio de estilo da comunicación de masas pon ó descuberto a tendencia a redefini-las cuestións políticas por medio das categorías do mercado e a propaganda.

Cremos que a prioridade das políticas de comunicación é xerar bens públicos universais, en troques de favorece-lo crecemento e distribución óptima, capilarizada, da “comunicación autómata” (Derrida, 1993; Derrida e Stiegler, 1996). O primeiro obxectivo das políticas de comunicación é o de evitar que nos ámbitos da comunicación se impoña a lei dos “private markets” ou “mercados monopolistas”. As políticas de comunicación non só han evitar a imposición dos “mercados privados”, senón tamén o empobrecemento cultural e o dominio político que favorecen as “imaxes imperializantes” (Fiske, 1993). Perante a fantasmagoría política da “orde internacional” e das limitadas aspiracions da “nova orde internacional da información e a comunicación”, cabe aspirar a unha política de comunicación que evite que o mundo se convirta nun “espazo de exclusión interior” para moitos cidadáns. As políticas de comunicación que favorezan ós máis dificilmente poden se-las impostas polas elites mercantís.

 



Histórico

PATROCINADORES

Secretaría Xeral de Emigración

 

Ministerio de Trabajo e Inmigración